1. Que é? Características
O lupus eritematoso sistémico é unha enfermidade autoinmune consistente, polo tanto, en que as defensas do organismo atacan a órganos sans do mesmo. Descoñécese cal pode ser o causante desta patoloxía, mais crese que o factor xenético ten moito que ver na súa aparición, así coma o factor racial (máis afectadas as persoas de raza negra e as asiáticas).
As mulleres son o colectivo máis afectado por esta doenza, e adoita aparecer nun rango de idade que abarca dende os 15 ata os 40 anos; por cada dez mulleres que a padecen, tan só hai un home afectado por lupus eritematoso. Para as mulleres que a sofren, a posibilidade de quedarse embarazadas apenas difire das mulleres que non padecen a enfermidade, tan só se están usando algún medicamento específico coma o cytoxan que pode causar dano prematuro aos ovarios. Non obstante, durante o embarazo, deberase consultar co médico o uso do tratamento prescrito ata ese momento, xa que seguramente o cambiará por tratamentos menos agresivos e perigosos para o feto.
2. Síntomas
Entre os síntomas máis destacados da enfermidade, atopámonos cos seguintes:
-Dor de articulacións
-Dor de articulacións
-Chagas ou úlceras bucais
-Rubor especialmente en meixelas e nariz
-Ronchas vermellas na pel, elevadas e descamativas
-Procesos de anemia e defensas do organismo e plaquetas baixas
-Pericardite: inflamación do pericardio (tecido conxuntivo que envolve ao corazón):
-Nefrite: inflamación dos riles
-Dor torácica cando respiramos
-Convulsións, fotosensibilidade, fatiga, malestar xeral, ...
Ademais, hai outros síntomas que poden aparecer segundo a parte do corpo que se vexa afectada pola enfermidade (vómitos e náuseas se afecta ao tubo dixestivo, arritmias se afecta ao corazón,...). Nas persoas que só presentan síntomas cutáneos esta enfermidade denomínase lupus eritematoso discoide.
3. Probas e Tratamento
A proba máis significativa e común para detectar o lupus é a proba de anticorpos antinucleares (AAN). Non obstante, que o resultado desta proba sexa positivo, non implica con total veracidade que a persoa examinada teña a enfermidade, polo que se deberán realizar probas complementarias tales coma análise de ouriños, radiografía torácica, biopsia renal,...
No referente ao tratamento, cabe destacar que non hai ningunha cura posible a día de hoxe para erradicar o lupus eritematoso sistémico, mais si se poden paliar os seus síntomas de forma considerable con tratamentos coma medicamentos antiinflamatorios non corticoesteroideos, acetominofen, corticoesteroides, antipalúdicos e medicamentos citotóxicos.
Fontes:
http://www.cun.es/enfermedades-tratamientos/enfermedades/lupus-eritematoso-sistemico
https://www.nlm.nih.gov/medlineplus/spanish/ency/article/000435.htm
http://www.webconsultas.com/categoria/salud-al-dia/lupus
http://www.artritisylupus.com/articulos_pacientes/tratamiento_del_lupus.html
http://espanol.arthritis.org/espanol/salud-y-vida/embarazo/embarazo-lupus/
https://www.youtube.com/watch?v=ARdSUpCWFaM
0 comentarios:
Publicar un comentario